Ides ter un bebé! Veña en boa hora!
O embarazo é unha etapa moi especial, un tempo de espera que se vive con intensidade, meses de ilusión e tamén de preparación para a acollida dese novo ser que vén ao mundo.
Desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (Sergas), querémosvos felicitar e tamén animarvos a que lle faledes en galego ao voso bebé, desde hoxe mesmo.
En que lle ides falar?
A lingua na que falades xa é unha referencia para o bebé que ides ter. Aprenderá outras, pero a lingua ou as linguas que se falen na casa será a que o bebé teña como “lingua primeira”, a que identifique co seu núcleo de referencia ao longo de toda a vida. Ao estar en contacto con máis dunha lingua, promovedes ademais o seu desenvolvemento cerebral, o cal favorecerá as súas capacidades intelectuais non só no ámbito lingüístico.
O voso fillo ou a vosa filla vai nacer en Galicia e falarlle galego é situalo no contorno natural no que vai medrar. Entenderá mellor a realidade que o rodea e levará naturalmente a súa cultura. É unha oportunidade para lle garantir que o fale ben cando xa constrúa as súas frases e contribuirá á súa integración plena na sociedade.
Se tedes máis dunha lingua na casa, lonxe de ser unha eiva para o pequeno ou a pequena, estádeslle ofrecendo unha riqueza que lle permitirá chegar máis facilmente a outros idiomas no futuro. Estas situacións de convivencia idiomática é o habitual en todos os países do mundo. Permitirédeslle medrar na valoración da diversidade e contribuiredes a desenvolver valores de tolerancia e de respecto polas distintas culturas. Abrídeslle as portas para multiplicar as súas oportunidades de futuro.
E xa pensastes que nome lle poñer?
No material da campaña E logo! inclúese unha listaxe con algúns nomes galegos para neno e para nena. Algúns deles son moi comúns e outros menos frecuentes, pero ben sonoros. Hai nomes fermosos para que chamedes polo voso neno ou pola vosa nena con afecto cando naza!
