Este verán a túa palabra irá á misa. Ou á praia. Ou ao monte. Ou á oficina.
Ou aos concertos, ou á verbena, ou de compras ou onde ti queiras levala. Porque este verán (milagre! milagre!), a palabra materialízase.
Propoñémosche un xogo. Elixe unha palabra e nos mandarémoscha fisicamente á túa casa. Leva a túa palabra á oficina, sácaa de festa, marcha con ela ao cámping... E despois non esquezas deixar constancia das túas vivencias. Envía unha mensaxe e cóntanos que tal che foi con ela. Manda fotos, vídeos... o que queiras.
Os internautas votarán as mensaxes, o que che dará puntos. O que máis puntos acumule gaña. Queres sumar aínda máis puntos? Pois usa a web para quedares con outros portadores e enganchádevos e encadeade as sílabas. Por exemplo: se un é portador do termo “Enxebre” e outro de “Brétema”: aí teredes unha chea de puntos a esperar por vós. Xuntádevos, sacade fotos e/ou vídeos coas vosaspalabras, poñédeos na web e... a gañar! Engancha, ou?
Que hai que facer para participar? Vexamos:
1) O primeiro de todo, é necesario ser maior de idade.
2) Temos 40 palabras dispoñibles. Pide a túa dende esta web. Rexístrate, cubre o formulario e responde correctamente á pregunta que che faremos. Se te trabucas, non podes optar a esa palabra en 24 horas. Se atinas, mandámoscha por correo ao enderezo postal que nos indiques. Pero, ollo! Se vives fóra de Galicia, por motivos de loxística, non che poderemos enviar a palabra. Non pasa nada. Nese caso, poderás descargar desta mesma páxina web os patróns e as instrucións para
facela ti mesmo. Lembra tamén que si fallaches, podes intentalo con outra palabra, pero si xa a conseguiches, non podes optar a máis (haberá que deixar algo para os demais, ¿ou?)
3) Xa es portador, así que move a túa palabra polo mundo adiante, lévaa ao bar, ao cine, á praia, ao campo, ao traballo... E toma nota de todo. Fai fotos, grávao en vídeo, escribe as mellores frases... e despois sube á páxina as mensaxes con fotos e vídeos de cada un destes momentos. Cómpre ser enxeñoso, xa que os demais usuarios votarán as túas mensaxes, e iso dá puntos.
4) Lembra que se varios portadores encadeades palabras, eses encontros puntúan dun xeito especial. Así que promove xuntanzas con outros portadores de palabras (xa sabes, se ti tes “Enxebre”, localiza o colega que teña “Brétema”, por exemplo) e non esquezas subir á web as fotos e os vídeos dese momentazo. Non queremos perder nin chisco. Ambos os dous teredes máis puntos. E se xuntades tres, pois máis aínda. E se xuntades catro, nin vos conto...
5) ¿Como vai iso da puntuación? Pois só por participar xa tes tres puntos. Se enganchas a palabra con outra, levas 15 puntos máis. E, por riba, a organización pode darche entre un e cinco puntos máis por conceptos como a orixinalidade, a simpatía ou a difusión das fotos e vídeos que envíes.
6) Ao remate do xogo, cando xa se peche o período de votación, chegará a festa da palabra encadeada. Agardámoste coa túa palabra para que a devolvas e leves os premios que che correspondan. O gañador ou gañadora xa pode levar ben lonxe a súa palabra, xa que terá como premio unha viaxe de fin de semana para dúas persoas a Berlín. E o resto, a gozar da festa rachada. Non faltes...
A participación no concurso implica a aceptación destas bases e sistemática, así como os posibles cambios que se realicen.
Veña, a que esperas? Participa xa. Es ou non es unha persoa de palabra?
De conformidade coa lexislación vixente, os teus datos de carácter persoal serán tratados de xeito confidencial e incluídos nun ficheiro automatizado responsabilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ti dás o teu consentimento para que as túas fotos e vídeos e mensaxes sexan publicados na páxina web www.galegoelogo.com., así como nos medios de comunicación que se consideren oportunos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística reserva para si todos os dereitos sobre este material para fins distintos aos previstos, así como os teus dereitos de explotación. Ademais, outorgas o teu consentimento para que os teus datos lles sexan cedidos a todos aqueles terceiros que lle presten un servizo á Secretaría Xeral de Política Lingüística co mesmo obxecto do concurso. Podes exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixíndote á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Presidencia da Xunta de Galicia.

