titular benvidos
volver ao inicio
galeria
Coloca no noso logo
<a href="http://www.galegoelogo.com/palabrasencadeadas/index.php" target="_blank"> <img src="http://www.galegoelogo.com/palabrasencadeadas/img/logo_peque.gif" alt="elogo" width="120" height="106" border="0" /></a>



OS CONCURSOS "ENFOCA O GALEGO" E "PALABRAS CON GANCHO", ORGANIZADOS POR POLÍTICA LINGÜÍSTICA, XA TEÑEN GAÑADORES

  • Preto de cen imaxes participaron no certame fotográfico no que resultou vencedora a proposta de Nacho Cunha González, de Ferrol
  • Estela Fernández Álvarez, de Ourense, fíxose coa viaxe a Berlín coa que estaba dotada a convocatoria “Palabras con gancho”, na que se inscribiron 40 persoas
  • O xurado acordou concederlle unha mención especial pola súa orixinalidade á achega feita por David Villar Docampo, da Coruña

Santiago, 4 de abril de 2009.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística desvelou hoxe a resolución do xurado na que figuran os nomes dos gañadores dos dous concursos convocados para fomentar a creatividade en lingua galega a través da rede. No caso do certame “Enfoca o galego”, a imaxe galardoada titúlase “Sen medo!” e foi presentada por Nacho Cunha González, de Ferrol, que recibirá como premio unha cámara Canon EOS 450 D. En total, recibíronse 96 fotografías para esta convocatoria. Polo que atinxe ao concurso “Palabras con gancho”, resultou vencedora Estela Fernández Álvarez, de Ourense, que competía coa palabra “televisión”. O galardón neste caso consiste nunha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas a Berlín. Neste certame participaron 40 persoas, que esgotaron todas as palabras que a organización habilitou como dispoñibles.

Ademais, no marco do concurso “Palabras con gancho”, o xurado acordou concederlle un premio especial pola súa orixinalidade a David Villar Docampo, da Coruña, que foi quen máis lonxe levou a palabra que tiña asignada, “lobishome”, coa que viaxou ata Andalucía.

Para valorar os traballos presentados aos dous certames e adxudicar os premios, a Secretaría Xeral de Política Lingüística apostou por constituír un xurado integrado por profesionais vinculados co sector audiovisual de Galicia.

Campaña de dinamización
Estas iniciativas englóbanse na campaña de dinamización lingüística “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”, e contaron coa web palabrasencadeadas.com como plataforma para promover estes certames e para poder participar neles.

As bases do concurso “Enfoca o galego” establecían como requisito o envío dunha fotografía referente a unha palabra ou unha frase en galego, que chamara a atención por ser enxeñosa, creativa ou divertida, e que se atopara nun lugar público. Diferentes internautas emitiron os seus votos na rede sobre as imaxes recibidas, e logo, o xurado escolleu dunha terna final a fotografía gañadora.
Por outra banda, o certame “Palabras con gancho” é un xogo que consistía en que as persoas interesadas solicitaran unha palabra, que se lle enviaba fisicamente á súa casa, co compromiso de que deixaran constancia mediante fotos, vídeos ou outras ferramentas de que a incorporaran a todas as tarefas da súa vida cotiá.