titular benvidos
voltar o inicio
galeria



O XOGO DAS PALABRAS ENCADEADAS DÁ PÉ Á NOVA CAMPAÑA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA PARA A PROMOCIÓN SOCIAL DA LINGUA GALEGA

  • En galego tes todo por vivir. Tócache! é o lema desta iniciativa, que terá presenza nos medios de comunicación e que integra toda unha serie de actividades lúdicas de dinamización lingüística
  • A franxa social á que se dirixe prioritariamente a campaña é a mocidade, pero tamén se lle darán continuidade ás actuacións destinadas á transmisión familiar da lingua e convidarase a toda a cidadanía a implicarse nas actividades
  • A páxina web palabrasencadeadas.com albergará diferentes propostas participativas

Santiago, 3 de xullo de 2008.- O xogo das palabras encadeadas é o fío condutor da nova campaña de promoción da lingua galega posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A secretaria xeral, Marisol López, presentou esta mañá en Santiago os contidos da campaña que, co lema En galego, tes todo por vivir, vai ter presenza nos medios de comunicación impresos, audiovisuais e dixitais de Galicia e será o marco de toda unha serie de actividades lúdicas e de dinamización lingüística en diferentes ámbitos da sociedade. A peza audiovisual presentada hoxe incorpora unha ampla variedade de tipos sociais e mesmo formas de fala diferentes. Nun marco narrativo contemporáneo e áxil graficamente, desenvolveranse distintas actuacións novas e daráselles continuidade a outras xa realizadas o ano pasado. A campaña establece como franxa social prioritaria a mocidade, sector da poboación que ten amplas competencias en galego, pero no que se detecta un menor uso. Por iso, a mensaxe arranca como un xogo dinámico que consiste na construción dunha cadea de palabras na que se poden implicar todas as persoas que se queiran unir. A Cova é unha instalación multimedia que percorrerá distintos espazos públicos de Galicia e que permitirá facer real esa cadea de palabras a través dun xogo participativo. Ao lema da campaña engádeselle a expresión Tócache!, co dobre significado de implicar a cidadanía e de apelar ao factor de identificación coa lingua da sociedade galega.

Xogos familiares

Para pais, nais e fillos organizarase en espazos públicos unha serie de xogos de habilidade e coñecemento para favorecer a relación familiar e co contorno en lingua galega. Tamén destinada a favorecer a transmisión familiar do galego, retomarase a partir do outono a xa coñecida Xeración E logo!, consistente no repartimento, a todas as mulleres embarazadas de Galicia, dunha serie de materiais que favorecen a interacción cos bebés en lingua galega —música, xogos iniciáticos, escolma de nomes galegos para nenas e nenos, consellos psicosanitarios, etc.—.

Asociada á campaña, ponse en marcha unha páxina web —www.palabrasencadeadas.com— na que irán aparecendo, ao longo do ano, iniciativas na rede dirixidas a todos os públicos. A primeira delas, coa que arranca a campaña, é un concurso para achegar imaxes nas que estean capturadas palabras galegas. Será tamén punto de partida, na páxina web, o xogo das Palabras con gancho e, xa no inverno, programaranse novas actividades.

Lingua de hoxe

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, explicou que con esta campaña incídese nunha “mensaxe institucional clara: o galego é unha lingua de hoxe, útil e viva, e esa vitalidade reside e garántese no seu uso cotián”. Segundo afirmou, “a lingua, ademais de definirnos culturalmente, únenos e axúdanos a integrarnos socialmente; pero non a lingua como patrimonio histórico, senón a lingua como vehículo da nosa comunicación actual, cotiá e formal, malia os intentos que no último ano vén facendo un grupo de persoas, amplificado en certas plataformas mediáticas, coa reivindicación de protexer o castelán en Galicia como se estivese ameazado, unha perspectiva que á cidadanía nos resulta, con certeza, pouco crible”.

Marisol López definiu a campaña presentada hoxe como “dinámica, contemporánea na súa liña gráfica, áxil, lúdica na forma, viva, diversa; unha cadea de palabras construída entre todas e todos, sexa cal sexa a nosa idade e a nosa procedencia, sexa cal for o noso pensamento persoal”. Concluíu asegurando que “as nosas palabras únennos, permítennos construír algo —o que nós queiramos— xuntos, e ademais a cadea pode medrar”. A campaña foi desenvolvida pola axencia publicitaria BAP & Conde logo dun concurso público.

Presentación da campaña
Presentación da campaña