Que hai que facer?
1. O primeiro de todo, é necesario ser maior de idade.
2. Fai unha foto dunha palabra ou frase en galego que vexas nun lugar público.
Pero que sexa algo xeitoso e/ou divertido, que teña o seu aquel, que sexa enxeñosa, creativa... ti xa sabes... E ten en conta que as fotografías que mandes deberán axustarse á temática do concurso. Aquelas que non se axusten, ou que non sexan titularidade de quen figure como autor/a, non poderán ser publicadas. Ademais, quedarán excluídas todas aquelas con contido ofensivo que menoscaben obxectivamente a integridade moral das persoas.
3. Entra na sección “Enfoca o galego”, cubre os datos solicitados e sube a túa foto mediante o botón “Examinar”. O seu tamaño non deberá exceder de 800x600 píxeles e deberá ter un máximo de 400 Kb. As fotografías deben ir tituladas (por suposto, en galego... E logo!) e tamén poderán ir acompañadas, se queres, dun pé de foto (por suposto, tamén en galego... E logo!).
4. As fotos máis votadas na web formarán parte dunha terna final, que será valorada por un xurado formado por persoas do ámbito audiovisual. As fotos que resulten finalistas formarán parte dunha exposición que se organizará ao final do ano, e para a cal se solicitará o arquivo orixinal da fotografía.
O concurso finalizará o último día do mes de setembro, e daranse a coñecer as fotos seleccionadas ao longo do mes de outubro mediante publicación na propia web. A elección da foto gañadora deste concurso será anunciada na web e a través do Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística no mes de novembro. O gañador ou gañadora terá como premio unha Canon EOS 450 D.
Todos/as concursantes cederán os dereitos de explotación das fotografías que presenten a concurso, para a súa publicación ou uso na web ou en calquera outro soporte, sen compensación económica.
A participación no concurso implica a aceptación destas bases e sistemática, así como os posibles cambios que se realicen.
De conformidade coa lexislación vixente, os teus datos de carácter persoal serán tratados de xeito confidencial e incluídos nun ficheiro automatizado responsabilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ti dás o teu consentimento para que as túas fotos e vídeos e mensaxes sexan publicados na páxina web www.galegoelogo.com., así como nos medios de comunicación que se consideren oportunos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística reserva para si todos os dereitos sobre este material para fins distintos aos previstos, así como os teus dereitos de explotación. Ademais, outorgas o teu consentimento para que os teus datos lles sexan cedidos a todos aqueles terceiros que lle presten un servizo á Secretaría Xeral de Política Lingüística co mesmo obxecto do concurso. Podes exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixíndote á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Presidencia da Xunta de Galicia.

