![]() |
|
A CREATIVIDADE E A RETRANCA TERÁN PREMIO NA NOVA INICIATIVA DE PARTICIPACIÓN PROMOVIDA NA REDE POR GALEGOELOGO.COM
Santiago, 31 de outubro de 2007.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da páxina web da campaña En galego, tes todo por dicir. E logo!, pon en marcha, durante o mes de novembro, unha nova iniciativa de participación para darlle cabida á creatividade e ao humor dos internautas. Trátase dun concurso de epitafios no que se valorarán as propostas máis orixinais e desenfadas, e para iso, na campaña de promoción que se desenvolverá a partir de mañá, achéganse algúns exemplos. Na expresión creativa da cultura galega foi de sempre habitual abordar, con naturalidade e retranca, o tema da morte. Esta iniciativa de www.galegoelogo.com enfocada á mocidade supón unha actualización, a través das novas tecnoloxías, dun tratamento habitual na nosa tradición literaria oral e escrita. A iniciativa responde tamén aos obxectivos marcados polo Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece a necesidade de abordar accións innovadoras que promovan a expresión en galego dos mozos e das mozas, particularmente a través das novas tecnoloxías. Todas as persoas que participen nesta iniciativa van recibir a súa creación para poder ser utilizada como fondo de pantalla do teléfono móbil. Os epitafios poderán verse na páxina web da campaña. |