elogo

MÁIS DE 200 FOTOGRAFÍAS OPTAN AO PREMIO ENFOCA O GALEGO, CONVOCADO POR POLÍTICA LINGÜÍSTICA NA CAMPAÑA E LOGO!

  • Un xurado composto por especialistas do ámbito audiovisual, da literatura e da lingua elixirá a imaxe gañadora, cuxo autor recibirá unha cámara dixital
  • A finais de novembro expoñerase unha selección das mellores fotografías e farase entrega do recoñecemento á persoa gañadora

Santiago, 14 de outubro de 2007.- Un total de 228 fotografías concorren ao concurso Enfoca o galego, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística dentro da campaña de promoción do uso da lingua En galego, tes todo por dicir. E logo!

O certame organizouse para darlles a oportunidade a todas as persoas interesadas de expresar, cunha imaxe, a simboloxía da lingua galega. O pasado 30 de setembro rematou o prazo de recepción de fotografías, e agora procederase á designación dun xurado que ha de elixir o traballo gañador. Especialistas do ámbito da fotografía, da lingua e da literatura formarán parte do xurado, que vai estar presidido pola secretaria xeral de Política Lingüística ou a persoa na que esta delegue.

Durante os aproximadamente oito meses que permaneceu aberto o concurso, as fotografías remitidas fóronse colgando na páxina web da campaña (http://www.galegoelogo.com), coa posibilidade para todos os interesados de votar a mellor imaxe. Agora, unha vez pechado o concurso, entre as máis votadas vaise realizar unha selección, da que sairá a foto gañadora.

Paisaxes, retratos, fotocomposicións e creacións realizadas a propósito para expresar a percepción do autor sobre a lingua galega integran o groso das candidaturas, moitas delas acompañadas dun texto explicativo ou mesmo poético relacionado co tema do certame.

O autor ou autora da imaxe gañadora recibirá como premio unha cámara de fotos dixital. Será a finais de novembro, no transcurso dun acto no que se van expoñer as mellores imaxes e durante o cal se fará público o ditame do xurado.