|
POLÍTICA LINGÜÍSTICA ORGANIZA ESTA FIN DE SEMANA NOS CENTROS COMERCIAIS ACTIVIDADES LÚDICAS PARA PROMOVER O USO DO GALEGO
- A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva un expositor aos centros comerciais para que as familias xoguen coas palabras e se acheguen ao amplo vocabulario da nosa lingua
- Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense serán os escenarios desta nova acción da campaña En galego tes todo por dicir, E logo! para a promoción do idioma
- O centro comercial Área Central de Santiago acolle durante toda esta fin de semana esta iniciativa, que se desenvolverá ata o mes de outubro noutras superficies comerciais

Santiago, 15 de setembro de 2007.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha esta fin de semana novas actividades para promover o uso do galego. A campaña En galego tes todo por dicir, E logo! chega nesta ocasión aos centros comerciais para aproveitar o lecer das familias con propostas lúdicas para achegarse á lingua galega. “Xogar coas palabras”, ese é o obxectivo desta proposta pensada para todos os públicos e que comeza esta fin de semana no centro comercial Área Central de Santiago.
Esta actividade desenvolverase ata finais do mes de outubro noutras superficies comerciais de Galicia. As seguintes citas serán no centro comercial Cuatro Caminos da Coruña os días 5 e 6 de outubro, no Gran Vía de Vigo os días 19 e 20 e no centro comercial Pontevella de Ourense o 26 e o 27 de outubro.
En cada un destes escenarios, instalarase un expositor que acollerá todas as propostas de lecer. Ademais dos xogos coas palabras, os que se acheguen ata o expositor poderán desenvolver outras actividades e mesmo acceder á nosa páxina web www.xunta.es/linguagalega para informarse das posibilidades para aprender galego, dos seus dereitos lingüísticos ou do xeito e dos recursos para desenvolverse en galego nos diversos ámbitos da vida cotiá.
Esta nova iniciativa que organiza Política Lingüística enmárcase dentro dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece a necesidade de estimular na sociedade, en xeral, e nas xeracións máis novas, actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego, así como fomentar todo tipo de creatividade de base en lingua galega como forma lúdica de galeguización.
|