elogo

NACE A XERACIÓN E LOGO!, PARA FORTALECER A TRANSMISIÓN DA LINGUA GALEGA ENTRE OS PAIS E AS NAIS E OS SEUS CATIVOS

  • Marisol López presentou hoxe os materiais cos que se vai agasallar a todas as nais de Galicia para favorecer a súa comunicación en galego cos fillos
  • Consellos, música para o berce, recitativos e un caderno da xestación son algúns dos produtos que forman parte desta iniciativa, a primeira destas características que vai chegar a todas as mulleres embarazadas a través do Servizo Galego de Saúde
  • A secretaria xeral explicou que “os bebés determinarán a fortaleza do galego de mañá, e os pais e as nais son os axentes principais na transmisión inicial da lingua”

Santiago, 29 de maio de 2007. Recuperar a transmisión familiar da lingua galega entre pais/nais e os seus fillos e fillas. Con este obxectivo ponse en marcha a partir de hoxe mesmo a Xeración E logo!, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística encadrada na súa campaña xeral de promoción da lingua galega.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe en Santiago esta actuación, que consiste na entrega, a todas as mulleres en estado de xestación en Galicia, dunha serie de ferramentas dirixidas tanto a elas como aos futuros pais, con información, consellos, un pequeno caderno do embarazo, recitativos para o bebé e un disco con cantos de berce interpretados por músicos galegos. Prevese que os materiais cheguen a máis de 15.000 familias.

O Servizo Galego de Saúde será a canle de distribución destes materiais, a través da súa rede hospitalaria e dos centros de atención primaria de toda a comunidade nos que se realizan os controis prenatais. Tamén están incluídos na campaña, como distribuidores, os centros hospitalarios privados, para as mulleres que teñan neles os seus fillos. A corresponsabilidade da Consellería de Sanidade nesta iniciativa é fundamental para garantir que a mensaxe chegue aos destinatarios, e exemplifica a acción transversal da política lingüística do Goberno galego.

A fortaleza do galego
Marisol López explicou que “os materiais que presentamos hoxe destínanse xustamente a estas dúas xeracións que teñen na súa man que non se produza en Galicia unha fractura na transmisión da lingua: os bebés, que determinarán a fortaleza do galego do mañá, e as nais e os pais, que son os axentes principais na transmisión inicial da lingua”. A máxima responsable da Política Lingüística da Xunta engadiu que esta actuación responde ás medidas que establece o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. “Falarlle galego a un fillo ou a unha filla que vai nacer en Galicia é situalo no contorno natural no que vai medrar, é axudalo a entender mellor a realidade que o rodea, a levar naturalmente a súa cultura; é ofrecerlle unha oportunidade para garantir que o fale ben cando xa constrúa as súas frases e contribuír á súa integración plena na sociedade”, concluíu Marisol López.

Os materiais
O soporte da Xeración E logo! é unha carpeta-maletín que contén no seu interior varios materiais. En primeiro lugar, unha publicación que, co título Ides ter un bebé. Algúns consellos e ideas para este tempo de espera, achégalles aos futuros pais consellos de índole psico-sanitaria –coidados prenatais, decisións durante o embarazo, hábitos de vida saudable– e unha invitación á reflexión sobre a lingua na que lle van falar ao bebé.

Outro dos materiais é unha escolma de nomes galegos para nenos e nenas, para elixir o nome do fillo ou da filla. Inclúese tamén un marco de fotos no que apuntar os datos básicos do bebé –peso, medida, etc.–. Xeración E logo! consta ademais dunha escolma de Arrolos e xogos de iniciación para transmitir palabras e afectos, e dun recordatorio no que apuntar, durante o embarazo, os Momentos especiais para contarlle cando naza.

Por último, a Secretaría Xeral de Política Lingüística agasalla os futuros papás e mamás cun disco compacto, Cantos de arrolar, con cinco cantares de berce interpretados por músicos galegos: Espido, Mercedes Peón, Luar na Lubre, Uxía e Xabier Díaz, que lle puxo música ao acto de presentación de hoxe co seu Arrolo de Sísamo.