elogo

“COUSAS PARA SAÍRES DUN APURO”, NOVA INICIATIVA PARA FOMENTAR O GALEGO ENTRE A POBOACIÓN UNIVERSITARIA DOS SETE CAMPUS

  • A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva un expositor aos campus galegos con información e recursos de utilidade para achegar o galego á xente nova
  • Desde o vindeiro luns 19 os materiais distribuiranse nas proximidades dos campus e escolas universitarias

Santiago, 17 de novembro de 2007. Os estudantes universitarios dos sete campus galegos recibirán materiais útiles e información de interese sobre o galego grazas a unha nova iniciativa da campaña En galego tes todo por dicir. E logo! A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva un expositor ás inmediacións dos campus e escolas universitarias para fomentar o uso da lingua galega entre a xente nova.

Esta nova acción, que leva por título “Cousas para saíres dun apuro”, comeza o vindeiro luns 19. Información variada sobre os servizos en galego, sobre consultas lingüísticas, as posibilidades de formación ou sobre os dereitos para empregar o idioma son parte do material que se vai distribuír entre o estudantado, xunto con recursos de utilidade para que a xente nova poida vivir e expresarse en galego.

Os estudantes que se acheguen ao expositor levarán unha caixa de plástico, a modo de friameira, con diversos agasallos e material útil para saíren dun apuro, como papeis autocolantes para tomar notas, bolígrafos, tapetes de rato ou abrechapas.

Esta nova iniciativa de Política Lingüística tenta incidir na mocidade por ser un colectivo estratéxico para a normalización do idioma. Trátase de transmitirlle unha imaxe positiva do galego e da súa utilidade para que desenvolva as súas relacións habituais nesta lingua. A medida está pensada para achegarse aos mozos e mozas desde un ámbito comunicativo informal, para conseguir unha maior receptividade deste sector de poboación.

O expositor itinerante estará o luns 19 no campus de Pontevedra, o día 20 na Coruña e o mércores, xoves e venres, en Santiago, Ourense e Ferrol, respectivamente. As últimas citas serán o día 29 no campus de Vigo e o 30 no de Lugo.