elogo

OS ENCONTROS DOS AXÓUXERES CHEGAN ESTA FIN DE SEMANA ÁS VILAS LUGUESAS DE SARRIA, CHANTADA E BURELA

  • Uxía será a encargada de levar a música e a voz en galego aos bebés, papás e mamás destas localidades, para favorecer a transmisión familiar da lingua
Area Central
Santiago, 15 de novembro de 2007.-Os Encontros dos Axóuxeres chegan esta fin de semana á provincia de Lugo. Sarria, Chantada e Burela acollen o venres, o sábado e o domingo esta cita coa palabra cantada en galego dirixida aos máis pequenos da casa e ás súas familias.

Os Encontros dos Axóuxeres danlle continuidade á Festa dos Axóuxeres, celebrada este verán en Santiago, Vigo e A Coruña para impulsar a transmisión familiar do galego.

A fin de semana pasada foron Celanova, Boiro e Cee os lugares elixidos para as actuacións de Guadi Galego e de Uxía. Desta volta, será Uxía quen acuda ás tres vilas luguesas citadas. O venres, a cita será en Sarria, na Casa da Cultura, ás 17.30 horas. O sábado será a quenda de Chantada, ás 12.00 horas, tamén na Casa da Cultura. E o domingo, Uxía manterá o Encontro dos Axóuxeres na Casa da Cultura de Burela ás 18.00 horas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística encadra esta iniciativa nun conxunto de actuacións concibidas para sensibilizar as familias sobre as vantaxes de que os fillos e fillas coñezan a lingua galega, tal e como establece o Plan xeral de normalización da lingua galega. Os encontros realízanse nun ambiente de proximidade, sen micrófonos, ao tratarse dun formato íntimo e destinado a un público reducido que non excederá os 20 bebés acompañados.

As familias que asistan recibirán tamén materiais básicos con cantigas tradicionais e xogos de iniciación. Son materiais incluídos na iniciativa denominada Xeración E logo!, da que parten estes encontros e que consiste na entrega, a todas as mulleres embarazadas, dun maletín con distintas propostas para impulsar a transmisión familiar da lingua. Unha desas propostas é un disco con cantos de arrolar, no que interveñen as tres artistas —Guadi Galego, Mercedes Peón e Uxía— que participan nos Encontros dos Axóuxeres.