elogo

GRANDE ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NO CONCURSO DE EPITAFIOS EN LINGUA GALEGA NA REDE A TRAVÉS DA WEB WWW.GALEGOELOGO.COM

  • A páxina web da campaña En galego tes todo por dicir. E logo! recibiu máis de 150 epitafios nunha semana de concurso
  • A orixinalidade, o humor e a retranca están presentes nas diferentes propostas creativas dos internautas
  • Os participantes reciben a súa creación en formato de fondo de pantalla para o teléfono móbil

Santiago, 10 de novembro de 2007.- O concurso de epitafios en galego, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da páxina web da campaña En galego, tes todo por dicir. E logo! está a ter unha elevada participación.  Na primeira semana de concurso rexistráronse máis de 150 propostas, cada cal máis creativa.

Os internautas están a dar mostras da súa orixinalidade, do seu sentido do humor e da particular retranca galega. A súa familia descansa en paz, Hai que ir indo que sobe a madeira, Estou nos ósos, Morro co sono ou Morra o conto son algunhas das creacións que achegaron durante estes días os participantes e que amosan a peculiar visión da morte, moi presente na tradición cultural galega.

Esta nova iniciativa de www.galegoelogo.com, dirixida a promover a creatividade en galego entre a mocidade, a través das novas tecnoloxías, enmárcase dentro dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece a importancia de abordar accións innovadoras que fomenten a expresión en lingua galega.

O concurso estará aberto durante todo o mes de novembro. Os participantes reciben a súa proposta de epitafio en formato de fondo de pantalla para o teléfono móbil.