EN GALEGO, TES TODO POR DICIR, NOVA CAMPAÑA DE POLÍTICA LINGüÍSTICA PARA PROMOVER A LINGUA PROPIA EN TODA A SOCIEDADE
Marisol López presentou hoxe a primeira campaña global impulsada pola Administración autonómica para promover unha visión positiva do uso do galego destinada a toda a sociedade
A nova mensaxe terá presenza nos medios de comunicación e nas vilas e cidades durante todo o ano, con accións específicas para cada sector
Santiago, 22 de xaneiro de 2007.
En galego, tes todo por dicir é o lema da nova campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, durante todo o ano, terá presenza nos medios de comunicación, nos espazos publicitarios das vilas e cidades e na rede internet, a través dunha páxina web de referencia para a campaña: (http://www.galegoelogo.com/).
O lecer da mocidade, a xente maior, a educación, a transmisión familiar, o ámbito comercial e empresarial en xeral, a creación artística, a sanidade, o mundo do dereito ou as novas tecnoloxías son algúns dos campos nos que se vai actuar con accións específicas e material de campaña para cada un deles.
Segundo explicou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, “o que se persegue é unir lingua galega a unha imaxe nova, actual e conectada coas referencias estéticas da contemporaneidade, para que mozos e mozas asocien galego con hoxe, para que a sociedade enteira identifique a nosa lingua coa modernidade e co prestixio”.
A campaña, que se desenvolverá durante 2007, inclúe actividades que se anunciarán ao longo do ano.
Toda unha lección por aprender
O galego como lingua vehicular na escola debe ser introducido nun clima favorable, nunha perspectiva enriquecedora. A campaña pretende favorecer este escenario favorable e poñer de relevo as vantaxes do multilingüismo e a oportunidade que supón poder coñecer máis dunha lingua desde a infancia.
Toda unha vida por vivir
A xente nova é obxectivo prioritario das accións de campaña xa que, tal e como explicou a secretaria xeral, é neste sector de poboación onde se rexistra un meirande retroceso no uso do galego. Neste ámbito, prevense varias actuacións relacionadas co tempo libre, en festivais de música, centros de ocio e outros foros.
Todo un sentimento por transmitir
Prioritarias tamén serán as actuacións no ámbito da transmisión familiar, con accións específicas nas maternidades e nos cursos de preparación ao parto.
Todo un camiño por percorrer
O papel da xente maior no mantemento e na preservación da riqueza lingüística do galego é o argumento de valoración que tamén persegue esta nova campaña.
Toda unha meta por alcanzar
Outro dos sectores aos que se lle presta especial atención é o do comercio e o da economía. As actuacións en áreas comerciais con actividades lúdicas son parte da programación organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
En galego, tes todo por dicir. E logo!
En definitiva, a campaña pretende chegar aos máis diversos sectores da sociedade galega, a través dunha imaxe moderna e coidada que poña de relevo o prestixio da lingua galega e que a vincule á contemporaneidade.
Este proxecto inscríbese nos obxectivos e nas medidas propostas polo Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, e que persegue, entre outras metas, priorizar a presenza do galego en sectores estratéxicos e promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
Ficha técnica
A campaña En galego, tes todo por dicir foi realizada, logo dun concurso público, pola empresa galega BAP&Conde. Ademais de insercións publicitarias en prensa, radio, televisión e internet, inclúe diverso material promocional que será distribuído nas diferentes actuacións previstas ao longo de todo o ano.
|